Tuesday 30 de April de 2024

Pais e nais da gardería da Ulloa asisten a unha charla sobre seguridade infantil dentro e fóra do fogar, organizada polo Concello de Oroso


 

O éxito desta iniciativa pedagóxica anima ao Concello a programar  dúas novas charlas en 2015, que se sumarán á xornada sobre Primeiros Auxilios do 12 de novembro

 

Unha vintena de pais e nais da gardería da Ulloa (Sigüeiro) participaron nunha charla sobre seguridade infantil dentro e fóra do fogar organizada polo Concello de Oroso, que pretende concienciar ás familias que “os accidentes infantís constitúen un grave problema de saúde pública, xa que son a primeira causa de morte en nenos e nenas de un a catorce anos”, destacou o concelleiro de Familia, Antonio Leira. Por iso, o Concello de Oroso organizou unha xornada para que os pais e nais recibisen consellos útiles para previr estes accidentes, así como indicacións de como actuar en caso de que se produzan.

 

A charla foi impartida por Ángeles Fernández Rodríguez, supervisora da Área de Calidade e Xestión de Procesos do Sergas para Santiago-Barbanza e que estivo moitos anos como enfermeira de pediatría en Urxencias. Fernández Rodríguez explicou ás familias que “está demostrado que si se tomaran as medidas preventivas oportunas, a maior parte dos accidentes poderían evitarse”. Ángeles Fernández explicou que os accidentes máis comúns en menores dun ano son as queimaduras e os atragantamentos, mentres que nos maiores dun ano son os traumatismos e as intoxicacións, polo que ofreceu consellos preventivos e tamén sobre como actuar no caso de accidente. “E se temos en conta o sexo, os accidentes acontecen 2,5 veces máis en nenos que en nenas”, indicou.

 

Contido da charla

 

Durante algo máis de dúas horas e media, Ángeles Fernández insistiu na importancia dunha boa hixiene de mans para previr infeccións. Ademais, ofreceu consellos para previr caídas e accidentes tanto dentro como fóra do fogar. Neste sentido, Fernández Rodríguez indicou que “diversos estudos amosan que os accidentes por intoxicacións teñen lugar, sobre todo, nos menores de 3 anos e case sempre no fogar e na cociña”. Neste caso, e a diferenza do resto de accidentes, dá o mesmo que sexa neno ou nena, xa que está comprobado que suceden indistintamente. Ademais, durante a charla ofrecéronse consellos para a prevención de accidentes no verán, en contacto con animais de compañía e de seguridade cos medicamentos, como non chamarlle nunca “caramelos” aos medicamentos nin tomalos diante dos cativos.

 

Finalmente, e por se todas as medidas preventivas non son suficientes, Ángeles Fernández explicoulles aos pais e nais como actuar ante un accidente. Así, explicoulles como facer unha manobra de Heimlich ante un atragantamento, como tratar as picaduras de medusas e de fanecas, como actuar ante un chichón ou que facer ante unha intoxicación con medicamentos. Unhas explicacións moi sinxelas, acompañadas por máis dun cento de diapositivas que facilitaban a aprendizaxe.

 

Outras xornadas

 

Esta charla informativa terá continuidade o mércores 12 de novembro cunha xornada sobre primeiros auxilios especialmente dirixida á infancia, que terá lugar na gardería da Ulloa ás 17:00 horas. Os pais e nais interesados en participar poden anotarse ben na propia escola infantil da Ulloa (981 691 505) ou no Departamento de Servizos Sociais de Oroso (981 688 950). A asistencia é totalmente de balde.

 

Ademais, debido ao éxito desta primeira xornada formativa na que os pais e nais estiveron máis de media hora facendo preguntas á poñente, os Servizos Sociais do Concello de Oroso aproveitaron tamén para coñecer as dúbidas e os temas de interese das familias do municipio, de xeito que teñen previsto organizar novas xornadas formativas na gardería da Ulloa para o vindeiro 2015.